Nestes relatos hai un rico mosaico de personaxes femininas que se atopan no final da súa vida. Con todo, non agardedes avoas de pano na cabeza, sentadas a carón da lareira ou enredadas coas tarefas domésticas. A autora presenta mulleres actuais que, a pesar da súa idade, ou quizais por iso, se adaptan aos novos tempos. Estas anciás manéxanse nas redes sociais, pasean o can pola cidade, camiñan por prescrición médica e gozan da vida na medida en que poden. O tempo xoga na súa contra e aparecen os achaques e tamén se enfrontan á soidade, ou ao pasado que chega para saldar débedas pendentes, porque ser vella non te fai mellor nin peor persoa, pero muda a visión da vida. Nestes contos enfrontámonos ao que supón vivir nunha residencia, soa nunha casa ou en estreito contacto coas veciñas, e, curiosamente, todas as situacións teñen o seu aquel. Por veces estas mulleres son pillabanas, outras tremendamente sensibles, en ocasións parecen equivocarse, pero na inmensa maioría saen adiante con sentido do humor, con doses de retranca e de sororidade.
Tres historias que exploran la intimidad, la memoria y las sombras que nos habitan
Beatriz García Turnes naceu en Santiago de Compostela en 1973 e actualmente vive en Teo. É filóloga e profesora. Escribe dende a adolescencia e, no ámbito da ficción, publicou o discurso "Os mellores agasallos" do «Libro dos Reis Magos» (2012), o libro de contos «Comando Sintrom» (2024) e tres novelas xuvenís: «Valdamor» (2001), que foi premio Lecturas da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix); «O ouro das lúas» (2018) e «Esta noite hei de ir a verte» (2021). Tamén ten publicados libros e artigos relacionados co seu traballo de lingüista. En 2024 publicou «A maldición do papiro alexandrino» na colección Fóra de xogo de Xerais.