Xaneiro de 2010. O pai da autora conta que lle pediron saliva para identificar un seu curmán, soterrado nunha fosa común en Valencia. Guerrilleiro comunista, morto en 1947. Nunca lles falaran del; descoñecían a súa existencia. Sobre a guerra, as bocas estaban cosidas. A partir destes silencios, a novela reconstrúe a vida de Antonio G., seguindo os seus pasos na familia, “desbridando a cicatriz”, a través da documentación e mediante a imaxinación, desde a adolescencia en Doña Mencía (Córdoba), á participación nos Fillos da Noite ¬—partisanos entre 1936 e 1939—, aos campos de concentración e á guerra despois da guerra. As feridas herdadas entretécense coas colectivas, as penurias dos xornaleiros, a fame, a represión. Unha obra onde a prosa de Marilar Aleixandre, co seu lirismo contido, ten a capacidade de dar voz aos ecos do pasado, nunha atmosfera impregnada do peso do silencio e da memoria.
Tres historias que exploran la intimidad, la memoria y las sombras que nos habitan
Marilar Aleixandre (Madrid, 1947) é feminista, narradora, poeta, tradutora e membro da Real Academia Galega. En Galaxia publicou Mudanzas e outros velenos (2017); nesta colección, Alí Babá, Morxiana e os corenta usureiros (Costa Oeste, 2017) e A filla do minotauro (2018, Premio Raíña Lupa); A compañía Clandestina de Contrapublicidade (Literaria, 1998, Premio Álvaro Cunqueiro) e As malas mulleres (2021, Premio Eduardo Blanco Amor 2020 e Premio Nacional de Narrativa 2022) e Lobos nas illas (2024), entre outros.