Espertei. Nese intre deixei de abranguer a illa cos meus brazos para saltar ao máis escuro onde os pensamentos eran líquidos e as mans, nerviosas, procuraban un camiño de volta entre as escumas. E vinme noutro espazo. Parecía un xardín azul, sen hortensias. Se me achegaba, descubría que era unha fraude cada planta e que peixes de cores cruzaban polas redes das follas e abrían as bocas invocando o meu nome. Espertei nun mundo distinto, pero eu era a mesma. Por primeira vez podía sentir o paradoxo dun soño.
Piratas, misiones espaciales y duelos a muerte. Elige tu bando y que empiece la aventura
Ana María Fernández Martínez nace en Palma (Illas Baleares) en 1949. Con 18 anos chega á Coruña, onde reside e desenvolve a súa vida laboral e familiar. Mestra e licenciada en Filosofía e Letras, é autora dunha ampla obra relacionada coa literatura infantil e xuvenil que abrangue os campos do teatro, a narrativa e outras obras do ámbito da aprendizaxe da lingua. Especializouse, sobre todo, na poesía, á que dedicou boa parte da produción. En 1977 recibe o premio O Facho de contos por Os amigos do cabaceiro. Máis tarde o seu poemario Amar e outros verbos foi galardoado co Premio Lazarillo (2001). Tamén é coautora, con Xoán Babarro, de varios títulos, entre os que figuran os premios O Barco de Vapor de 1985 (Primeiro libro con Malola) e 1989 (Barrigaverde e o dragón Achís). Outras obras súas en Editorial Galaxia son Marta ten a solución (2007), Versos da tarde laranxa (2016) e Incesante vagalume (2021).