Reúnense neste libro tres poemarios centrais na obra da súa autora: Catálogo de velenos (Premio Esquío de Poesía, 2001), Abecedario de árbores (2006) e Mudanzas (Premio Caixanova, 2006). Tres fitos dunha poética na que a morfoloxía da terra e as súas rochas, montes, fragas, ríos e mares xeran unha carta xeográfica que desvela o que hai detrás da aparencia. A voz da poeta elévase e albisca a realidade cos recursos e instrumentos que fan da natureza afiliación e da literatura, escolla. A liberdade amósase aquí na fidelidade da arte ao mundo, non nas ideas senón nas xemas, non nos bálsamos senón nos velenos, non na beleza senón nos vermes. Os símbolos volven aparecer baixo a luz estraña do inaudito. Si, a poesía é materia, ou unha cousa que agarrar coas mans.
Tres historias que exploran la intimidad, la memoria y las sombras que nos habitan
Marilar Aleixandre (Madrid, 1947) é feminista, narradora, poeta, tradutora e membro da Real Academia Galega. En Galaxia publicou Mudanzas e outros velenos (2017); nesta colección, Alí Babá, Morxiana e os corenta usureiros (Costa Oeste, 2017) e A filla do minotauro (2018, Premio Raíña Lupa); A compañía Clandestina de Contrapublicidade (Literaria, 1998, Premio Álvaro Cunqueiro) e As malas mulleres (2021, Premio Eduardo Blanco Amor 2020 e Premio Nacional de Narrativa 2022) e Lobos nas illas (2024), entre outros.